Este ano o DIA DAS LETRAS GALEGAS adicouse ao escritor Xosé María Álvarez Blázquez. Engadimos aquí unha reseña da súa vida:
Nado no seo dunha familia da pequena burguesía ilustrada, Álvarez Blázquez axiña tivo contacto co galeguismo ao ingresar na Federación de Mocedades Galeguistas. No 1930 trasládase a Pontevedra estudar Maxisterio e alí escribe os seus primeiros poemas, chegando a fundar a revista Cristal con Juan Vidal en 1932. Unha vez graduado mestre, comezará Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, pero a guerra impediralle rematar a carreira. En 1935 comeza a exercer a docencia en diversas localidades da provincia de Pontevedra, mais durante a guerra é desterrado a Coreses (Zamora). Logo de cinco anos regresa a Galicia e compaxina diversos traballos coa literatura, a investigación e mesmo a arqueoloxía, chegando a dirixir numerosas escavacións realizadas en Vigo. Desta cidade rematará sendo cronista oficial.
Durante os anos corenta dedícase á creación literaria e tamén ao ensaio científico e literario, en galego e castelán. No clima de recuperación cultural que se vive en Galicia desde a publicación de Cómaros verdes (A. Iglesia Alvariño, 1947), a creación da Editorial Monterrey xunto co seu irmán Emilio en 1950 supuxo un novo paso decisivo. Aquí comeza unha intensa actividade editorial do autor que culmina en 1964 coa fundación de Edicións Castrelos, pioneira na edición de coleccións populares como O Moucho e Pombal. Membro da Real Academia Galega desde 1962, Xosé María Álvarez Blázquez regresa á docencia a finais dos sesenta, mantendo o seu compromiso coa literatura, a arqueoloxía e a investigación. A súa obra lírica deu para catro libros. En 1949 publicárase na colección de poesía Benito Soto -primeiro esforzo de recuperación editorial da poesía galega no país- Poemas de ti e de min, obra realizada en diálogo polos dous irmáns Álvarez Blazquez. A proposta estética da obra é claramente imaxinista no caso de Emilio, mentres que Xosé María combina imaxinismo e neotrobadorismo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario