28/11/10

¿COMO SE FAI UN LIBRO?

É curioso ver a reacción das nenas e dos nenos cando comprenden que un libro é o resultado dun laborioso proceso no que colaboran moitas persoas, achegando cada unha a súa especial habilidade: escribir, ilustrar, deseñar, compor, corrixir, imprimir, encadernar, distribuír, ler…
Como docentes estamos obrigados a transmitir ás nenas e ós nenos o segredo da orixe dos libros. Non é xusto deixarlles na crenza de que os libros, como as pedras, sempre estiveron aí. Os libros das nosas Bibliotecas non sempre ocuparon o seu lugar nos anaqueles; houbo un tempo no que eses libros non existían, o mesmo que houbo un día no que foron concibidos e a continuación fabricados.
Se lles achegamos ao coñecemento de que o libro é o resultado dunha creación planificada e dun traballo en colaboración, os nosos nenos e nenas poderán gozar do libro dúas veces: cando o len, pero tamén cando o miran e comprenden a súa existencia. Cando poden facer isto, están a se entender a si mesmos na súa condición de especie Sapiens.

No hay comentarios:

Publicar un comentario